Friday 10 de May de 2024

Turismo de Galicia e a Secretaría de Turismo de Querétaro afianzan a súa colaboración nunha reunión celebrada en Compostela


A directora de Turismo de Galicia recibiu, na sede da Administración turística galega, unha delegación da Secretaría de Turismo de Querétaro encabezada polo seu secretario de Turismo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu hoxe na sede da Administración turística galega, en Santiago de Compostela, unha delegación da Secretaría de Turismo de Querétaro encabezada polo secretario de Turismo do dito Estado, Mauricio Alberto Salmón.

O encontro contou tamén coa participación da directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, o director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luis Maestro, a Directora de Promoción Turística do Estado de Querétaro, Mónica Plehn, e o director xeral de Planeación e Desenvolvemento Turístico do Estado de Querétaro, José Mansueto.

Esta reunión está enmarcada no convenio asinado entre directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e mais do secretario de Estado de Turismo de Querétaro, Mauricio Alberto Salmón, na pasada edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid.

Grazas a dito convenio, a Administración turística galega e mais o Estado mexicano están a desenvolver accións de colaboración en materia de promoción e difusión de recursos turísticos así como de intercambio de know how, actividades formativas e prácticas relacionadas coa consolidación e fortalecemento dos produtos turísticos.

Durante a xuntanza coa directora de Turismo de Galicia, os representantes de Turismo da rexión de Querétaro puideron coñecer de primeira man as iniciativas que dende a Xunta de Galicia estanse levando a cabo para consolidar a Galicia como un destino diferencial e multiexperiencial.

Os representantes mexicanos afondaron sobre o Camiño de Santiago e a súa xestión e promoción que converteron a ruta xacobea nun referente internacional do fenómeno das peregrinacións.

Así mesmo, a delegación interesouse tamén polo Centro Superior de Hostalería, un dos máis prestixiosos centros de formación do sector turístico a nivel internacional que se sitúa á vangarda da formación.

A relación entre a Administración turística galega e mais o Estado mexicano ten por obxectivo establecer orientacións definidas en común dirixidas ao desenvolvemento dunha colaboración en materia de turismo entre ambos os territorios. Esta colaboración céntrase especialmente no intercambio de mellores prácticas e no fortalecemento de produtos turísticos, no intercambio de formación académica en materia de turismo, na organización de viaxes de familiarización e na participación en eventos relacionados co sector turístico.